DAVID RUBÍN. COMIX REVOLUTION

DAVID RUBÍN. COMIX REVOLUTION

Galería Monty4, Rúa Montroig 4, 15001 A Coruña
(9/08-8/09 de 2018)

Comisario: Tonec ho Otero

A X Edición do FKM 2018 dá comezo coa primeira das súas actividades paralelas, a exposición COMIX REVOLUTION, do ilustrador ourensán David Rubín.

En 2015 FKM realizaba a súa primeira exposición con Rubín, FURIA AL DESNUDO, nas salas da Fundación Luís Seoane da Coruña, na que se puideron contemplar preto dun centenar de orixinais a lapis de El Héroe e Aurora West, ademais de parte da súa extensa colección de bonecos. A exposición de orixinais complementouse coa creación de 5 murais de gran formato realizados polo artista para a ocasión.

Desde entón Rubín realizou numerosas publicacións, introducíndose de maneira definitiva no mercado norteamericano e acadando un dos maiores recoñecementos internacionais ao seu traballo co nomeamento, este ano, a 4 premios Eisner. Espectacular.

Nesta ocasión COMIX REVOLUTION céntrase no tema dos xusticieiros enmascarados e recupera para iso unha obra editada por Astiberri en 2016, Gran Hotel Abismo (Marcor Prior e David Rubín). Na exposición pódense ver (e comprar) os orixinais a lapis e a tinta que conforman o libro.

Como complemento presentamos en primicia unha serie de orixinais a lapis sobre o loitador mexicano El Santo, que formaban parte dos concept art que Rubín realizou para Alex de la Iglesia, nun proxecto cinematográfico finalmente cancelado, o que os fai especialmente remarcables. E non podían faltar unha pequena selección da súa colección de máscaras de loita mexicana para ambientar a galería e unha gran intervención mural.

Pero como falamos dun autor especialmente prolífico, xeneroso e talentoso a cousa non remata aquí. David realizou para a ocasión máis de 40 acuarelas en formato A6 nas que inventa outros tantos xusticieiros enmascarados con nomes tan delirantes como Luisa la Trofeo, El Galán de las Hostias, Goliat Vasques, Muertelenta López, Fukushima Johnson, El Puño de Dios, Dolor del alma, etc. Dous deles, en formato A5, serán sorteados entre todas aquelas persoas que adquiran algún dos orixinais a lapis ou tinta á venda. Cortesía do artista.

Pero non rematan aquí as sorpresas, porque durante a inauguración da exposición, o xoves 9 ás 20:30h, e só ese día, repartiranse follas de sala recortables cunha careta do personaxe principal de GHA, El Animador, nunha ilustración exclusiva para a ocasión.

Estades avisados, ímola a liar parda 😉

Agradecementos: a Javier Bello e Santiago Caneda pola súa axuda na montaxe. Ao equipo de Monty4, Cris Oliveira e Lucía Gómez pola súa gran axuda e por suposto a Valle e Suso, os xefes, pola súa confianza e apoio ao festival, un ano máis. Especialmente queremos subliñar o noso agradecemento a esa besta parda da natureza que é David Rubín, enorme, inconmensurable artista que unha vez máis nos brindou un traballo excepcional e unha actitude extremadamente xenerosa. Moi grande.

Leave a comment