Empezamos a viaxe interplanetaria – visceral

É certo que din que ao lugar onde fuches feliz, non deberías xamais de volver, pero algunhas persoas somos algo cabezonas e volvemos. Volvemos montar un festival, coas súas mesas cadradas e coa querida vídeo-regueifa, e cos concursos de curtas, óperas primas, etc, etc… Reincidentes que anoxan ás mentes ordenadas, preclaras e brillantes que levan as nosas vidas sobre raíles rectos e con boa letra.

Neste 2016 soñamos coas estrelas e os seus afastados e hipotéticos habitantes. Así que decidimos construír o noso propio OVNI, que funciona con enerxía solar, para poder viaxar entre galaxias “celuloideas” aproveitando a enerxía que dá voar tan preto de cada astro rei. Non sabemos se hai vida máis aló da Terra, pero podemos asegurar que o que si hai é cinema, e moito, sobre aqueles seres alleos, segundo a etimoloxía, que tanto nos fixeron rir, gritar, chorar e, en definitiva, viaxar a millóns de anos luz.

E así, viaxando máis aló do que aquel famoso modelo nexus-6 chamado Roy Batty puido ver nos confíns da Porta de Tannhäuser, atoparémonos a Herschell Gordon Lewis, quen decidiu adiantar a súa aventura interplanetaria sen coñecer antes a Torre de Hércules. Pero non quedamos orfos da súa arte. As súas creacións tinguirán as nosas retinas de vermello e de horror como fixeron fai máis de medio século.

En fin, cargados de ideas estelares e de sangue, moito sangue nas nosas veas, acendemos o motor do FKM2016 e tomamos rumbo ao descoñecido. Dános igual que Mulder e Scully insistan en que a verdade está aí fóra. A verdade non nos importa porque We Want to Believe!

Terrícolas, o FKM2016 reclama a vosa atención!

Leave a comment

*