Gairah Love. Hedoné

Gairah Love. Hedoné

O FKM, Festival Internacional de Cinema Fantástico da Coruña celebra a súa X Edición arredor das temáticas: SEXO, PROVOCACIÓN e CENSURA. Por este motivo a artista e ilustradora seleccionada este ano é Gairah Love, unha xoven promesa coruñesa que actualmente reside en Madrid.

Nacida en 1995 no Ferrol, A Coruña, Gairah graduouse en 2015 como Técnico Superior de Ilustración na ESAD Pablo Picasso da Coruña e na Escuela de Profesiones Artísticas Sur, de Madrid.

Ilustradora e artista multidisciplinar, Gairah amosa a escuridade dun mundo ambiguo liderado pola luxuria, a violencia e o romanticismo. A través dun imaxinario grotesco e explícito explora os seus adentros, destapando o lado máis sinistro da mente humana na que a dor pode ser comprendida como pracer, a submisión como acto de rebeldía sádico na que desde esta posición pasiva controla e limita os actos. O BDSM (Bondage e Disciplina; Dominación e Submisión; Sadismo e Masoquismo) é, desde a súa perspectiva, comprendido como parte da expresión artística humana máis aló do propio xogo de roles liderado polo desexo.

A súa obra caracterízase por unha sexualidade moi marcada e unha temática vencellada ao sadomasoquismo, o bondage e a depravación, moi influída pola estética xaponesa do eroguro.

Jesús Palacios resume perfectamente a definición deste termo no prólogo do seu libro do mesmo título:

“O eroguro é unha visión artística e literaria cuxo epicentro consiste en retratar un mundo de erotismo extremo, corrupción física e moral, decadencia, deformidade e crueldade, que na súa esencia última manifesta un transfondo absurdo, sen sentido e mesmo nihilista da existencia, onde se confunden a risa e o horror, o pracer e a dor, a celebración da carne e a súa humillación, o monstruoso e o sublime.”

Autores de referencia na súa obra son Toshio Saeki, Suehiro Marúo, Shintaro Kago, Junji Ito ou o mestre clásico Hokusai. En definitiva, Gairah practica un erotismo perverso enriquecido por unha imaxinería de carácter surrealista resolta cun virtuosismo técnico sobresaínte, que fan desta nova artista unha das promesas galegas con maior proxección internacional.

Ao longo da súa curta carreira editou o cómic “Puericia” e numerosos packs de deseños en formato adhesivo. Participou en exposicións colectivas na Coruña e realizou varias individuais en Madrid (Synesthezia Tatoo e Eleva 4K), vencelladas ao mundo da tatuaxe. Ilustrou pósters, táboas de surf, skates e diversos soportes escultóricos (cabezas, monecos, etc). Tamén aparece referenciada no primeiro volume da Guía de Ilustración editada polo Concello da Coruña.

A inauguración da exposición terá lugar o domingo 30 de setembro ás 13:00h, na que a artista realizará unha perturbadora performance.

Leave a comment